Monday 06 de May de 2024

Feijóo avanza o inicio da reformulación do mapa do transporte público en Galicia


Destinarase á elaboración do novo Plan de transporte público de Galicia e aos seus estudos previos 2,5 millóns de euros

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou o inicio da “primeira fase da nova planificación do sistema de transporte público de Galicia”, que presenta dous retos principais: buscar solucións para o transporte nas contornas rurais e integrar o transporte baixo demanda (como, por exemplo, o transporte escolar ou as expedicións concretas e puntuais).

“Estamos atendendo á poboación da segunda década do século XXI cun sistema de transporte público deseñado na primeira metade do XX”, afirmou Feijóo, antes de subliñar a importante transformación social, económica e territorial que vivimos nas últimas décadas e que supuxo cambios nos asentamentos e, por tanto, na mobilidade.

A Xunta destinará 2,5 millóns de euros, incluídos dentro do programa operativo Feder 2014-2020, para os traballos previos e a elaboración con Plan de transporte público de Galicia. Este deberá estar aprobado un máximo de 21 meses despois da entrada en vigor da Lei de medidas urxentes sobre o transporte público de Galicia (de xullo deste ano).

Reordenación en dúas fases
Este proceso de reordenación constará de dúas fases. Mañá publicarase no DOG a licitación, por 1.025.000 euros, de seis estudos previos da situación do transporte en seis zonas: A Coruña e Lugo Norte, Centro, Ourense Leste, Ourense Oeste, Servizos de conexión interurbanos e provincia de Pontevedra e A Coruña Oeste.

“Estes estudos terán en conta —explicou o presidente en funcións— as redes de transporte escolar e regular de uso xeral, as formas nas que poden participar os concellos, a coordinación dos traballos entre as zonas e a definición dos novos pregos de explotación dos servizos”. Esta primeira fase culminará, en agosto de 2017, co inicio da reordenación dos servizos de transporte público.

A segunda fase, cun orzamento de 1.475.000 euros, arrancará entre 2017 e 2019. Nese momento, a Xunta realizará unha enquisa de mobilidade a nivel autonómico e comezará a redacción do Plan de transporte público. “Finalmente, no ano 2019 adxudicaremos os novos servizos de transporte e procederemos a implantalos”, indicou Feijóo. Deste modo, o novo mapa de servizos de transporte público de Galicia estará xa implantado nos primeiros meses de 2020, integrando os servizos baixo demanda.

“Queremos que esta sexa unha lexislatura útil desde o punto de vista do transporte”, afirmou o presidente en funcións, despois de recordar que a lexislatura que vén de rematar foi a do impulso ás redes de transporte metropolitano, que se está a despregar en seis das cidades galegas e que é gratuíto para os menores de 19 anos.